Noticias

Noticias y actualidad del Grupo Cuevas

AS TENDAS AQUIÉ ENSINAN EXERCICIOS E HÁBITOS SAUDABLES MENTRES SE FAI A COMPRA

7 junio, 2018

As tendas Aquié do Grupo Cuevas desenvolverán unha proposta integral de bos hábitos, que se poderán adquirir de forma natural e cómoda mentres se fai a compra. A nova iniciativa que se pon en marcha en Ourense, e é pioneira no sector dos supermercados, farase visible mediante alianzas estratéxicas e a través de exposicións estáticas e dinámicas, con posibilidades interactivas e unha vinculación permanente con Galicia e cos seus produtos, e coas súas potencialidades naturais, culturais e alimentarias.
Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas, xustifica a innovadora iniciativa “porque queremos que as nosas tendas sexan tamén espazos de aprendizaxe para o noso benestar social e de coñecemento útil da nosa historia, onde se aproveite mellor o tempo de compra e onde se poidan adquirir hábitos saudables que melloren a calidade de vida”.
A primeira nova exposición, que se poderá compartir desde o 4 de xuño na tenda Aquié de Doutor Fleming, en Ourense, ofrece o programa “1 hora de exercicio”, cun sorprendente itinerario interior habilitado para practicar algúns dos xogos tradicionais de Galicia. Na zona de acceso á tenda recrearase un espazo activo, complementado con paneis explicativos dos xogos elixidos, e vinilos no chan reproducindo elementos do xogo, e pezas reais coas que se poidan aprender a facer exercicios prácticos como a mariola, os zancos, os trompos, as billardas ou as tabas, ou un circuíto de canicas.
Todas as iniciativas que se irán desenvolvendo no tempo, terán como fío condutor un espazo fixo de continuidade e compartido no exterior da tenda, onde, a través dun panel, se poderá seguir o calendario dos dez hábitos saudables sobre os que se ofrecerá información e actividades prácticas durante os próximos meses, e que serán anunciados secuencialmente no escaparate a través dun destacado despregamento gráfico.
Á exposición “1 hora de exercicio”, en colaboración co centro de cultura popular “Xaquín Lorenzo”, pertencente á Deputación provincial, e que se poderá gozar durante os próximos días, seguirán outras con distintas temáticas, como “2 litros de auga ao día”, “8 horas de sono”, “7 minutos de risa” ou “5 comidas diarias”.
Ver imaxe