A UVIGO SAE A “DAR” UN DÍA DE CLASE NUN SUPERMERCADO
21 noviembre, 2018
Os usuarios da tenda Aquié covertéronse en alumnos ocasionais para aprender a distinguir a auga embotellada, coñecer as súas propiedades e diferenciar os seus sabores.
A sesión celebrada onte no supermercado Aquié de Fleming enmárcase nunha exposición en que se mostra unha selección de augas singulares do mundo.
Grupo Cuevas e o Campus da Auga levaron a cabo unha iniciativa conxunta inédita, para que profesores e estudantes da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense achegasen o coñecemento aos cidadáns de forma directa, neste caso ensinando nun supermercado para distinguir os sabores, coñecer as propiedades e entender as etiquetas das augas embotelladas.
Os usuarios da tenda convertéronse en alumnos universitarios por uns intres, e a propia tenda transformouse nunha aula improvisada. A nova experiencia permitiu mostrarlle directamente á sociedade as capacidades e a potencialidade do Campus da Auga, unha das ofertas universitarias con maior futuro de Galicia, á vez que proporcionou a quen fai a compra a posibilidade de adquirir información sobre un dos produtos máis básicos e saudables da alimentación.
Un equipo dirixido polas profesoras Concepción Pérez e Elena Falqué impartiu os seus coñecementos sobre a auga a quen tivo curiosidade por aprender, con indicacións, consellos e explicacións prácticas tras dar a probar diferentes tipos de augas. Tamén axudaron a identificar os beneficios e os seus efectos para distintas aplicacións saudables, ademais de responder as preguntas ou posibles dúbidas que se expuxeron. Ao mesmo tempo, entregouse material promocional da UVigo.
Artur Yuste, director xeral do Grupo Cuevas, xustifica a innovadora iniciativa “porque queremos que as nosas tendas sexan tamén espazos de aprendizaxe e de coñecemento útil, onde se aproveite mellor o tempo de compra”. Así mesmo, agradeceu á Universidade de Vigo “o seu esforzo e predisposición” para atoparse coa sociedade, “porque transferir os nosos coñecementos, fainos mellores a todos”.
Enrique Barreiro, responsable do Campus da Auga, citou a divulgación como “ unha das funcións principais” do proxecto de especialización que dirixe, e destaca a importancia de que a Universidade saia das aulas e inclúa á cidadanía nos seus espazos de interacción habitual, como é, neste caso, un supermercado: “ onde estea a xente, ten que estar a Universidade contando o que fai”.
Esta singular iniciativa adquire un especial protagonismo nunha exposición instalada na propia tenda Aquié (en que se desenvolve unha programación estable de exposicións curiosas ao longo do ano), e neste caso móstrase unha selección de augas traídas de diferentes partes do mundo (de iceberg, de néboa filtrada en ouro, mesmo negra….), con especial referencia ás minerais galegas de manancial, ademais de recrear espazos e paneis explicativos para dar a coñecer os datos máis importantes sobre o mundo da auga.